Programas anteriores

Nesta sección preséntanse algúns dos proxectos
que participaron nas edicións anteriores do programa.

Cristina Rodríguez Eijo
Modalidade Emprendemento

Marmeladas A Morena

Marmeladas A Morena é un obradoiro artesanal de marmeladas e conservas vexetais con base en Sargadelos (Cervo, Lugo). Nas súas creacións combina distintos sabores de froitas, vexetais e froitos secos para elaborar marmeladas diferentes, con pouco azucre, pensadas tanto para o almorzo como para acompañar pratos salgados.

Aínda que xa leva algún tempo en funcionamento, co seu paso polo Programa, Cristina Rodríguez busca redefinir o seu proxecto, refundar toda a súa proposta de valor, definir segmentos de mercado e ampliar a gama de produtos.

Marta Celada Cividades
Modalidade Emprendemento

Produtos Naturais Funcionais Ruda

Marta Celada leva anos aprendendo das plantas e da sabedoría popular, un coñecemento que quere compartir a través deste proxecto de emprendemento. Con Ruda quere crear un sistema circular que conecte plantas e usuarios.

O seu obxectivo é plantar todas as especies que foi coñecendo no sector medicinal para despois aproveitar as súas propiedades en preparados e receitas funcionais. Infusións, ungüentos con aceites macerados, bálsamos, incensos naturais, tónicos, glicerinas, tinturas e produtos de limpeza artesanais: remedios naturais que acheguen a sabedoría popular esquecida ás persoas que voltan conectar coa maxia sinxela e humilde pero poderosa do mundo vexetal.

Alejandro Moure Abelenda
Modalidade Emprendemento

Lácteos Ameixenda

Alejandro Moure deseñou un sistema que permite unha mellor valorización do leite para producir manteiga, queixo, iogures e proteína en polvo. Co seu sistema de pasteurización obtéñense estes catro produtos lácteos con moi boas propiedades probióticas.

Incluso, proxecta valorizar un subproduto infrautilizado como é o soro das queixerías da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. A súa motivación é clara: dar novas saídas a un recurso clave en Galicia en liña coa economía circular.

Sandra Victoria Rojas Nossa
Modalidade Emprendemento

Solucións Biotecnolóxicas Ruralbiosystems

Ruralbiosystems céntrase na xestión eficiente dos residuos xerados en explotacións avícolas. O obxectivo principal deste proxecto de Sandra Rojas é deseñar un composteiro adaptado ás necesidades reais deste tipo de granxas, que permita transformar os residuos nun recurso útil.

Ademais, desde Ruralbiosystems busca reducir riscos legais e ambientais para os clientes, axudándolles a evitar sancións e minimizando o impacto ambiental na contorna. O seu propósito é ofrecer unha solución práctica e acompañamento ao cliente, simplificando a retirada e tratamento dos residuos.

Javier García Blanco
Modalidade Emprendemento

Transformación de castaña

Co seu paso polo programa, Javier García quere madurar o seu proxecto para implementar unha planta de procesado de castaña, dedicada principalmente á produción de fariña ecolóxica e outros produtos derivados. O seu obxectivo é partir da colleita dos soutos que ten en propiedade para, despois, incorporar plantacións veciñas.

Quere conseguir un produto de alta calidade organoléptica que permita valorizar un produto básico e tradicional de Galicia que, a día de hoxe, está sendo vendido en mercados internacionais cun baixo valor, sen transformación e sen crear riqueza en orixe.

Sandra Mella Ríos
Modalidade Emprendemento

Transformación de lácteos con valor engadido

A idea do emprendemento de Sandra Mella é crear un novo espazo de traballo para transformar parte da produción da súa granxa de leite en produtos artesanais con alto valor engadido como iogures e queixo de pasta branda. Sandra defende a idea de cerrar o círculo para ter o “control total” de todas as fases de produción e do produto final, desde o coidado das cabezas de recría, o bo manexo e alimentación dos animais, que son a base dunha materia prima de calidade que tamén conta a historia deste negocio familiar.

Diríxese a consumidores que buscan sabor, diferenciación e opcións saudables, evitando produtos planos ou ultraprocesados. A proposta combina tradición, nutrición e experiencia gastronómica, conectando co cliente a través da historia da explotación.